Sunday 05 de May de 2024

A Asociación de Comerciantes de Ordes dará a coñecer mañá os gañadores do seu sorteo de Nadal


Entregaranse 10 cheques agasallo de 250 euros cada un que poderán cambiarse por produtos nos establecementos da rede comercial do municipio

A Asociación de Comerciantes de Ordes (Acordes) dará a coñecer mañá martes o nome dos gañadores do seu concurso de Nadal. O sorteo terá lugar entre as 11 e as 12 horas no programa de radio ‘As mañanciñas de Radio Ordes’, emitido pola emisora local en directo.
En total entregaranse 10 cheques agasallo por un importe de 250 euros cada un, o que se traduce nun total de 2.500 euros en premios que poderán cambiarse nas vindeiras semanas en calquera dos establecementos que forman parte da asociación. Este sorteo de Nadal é unha das iniciativas promocionais desenvolvidas por Acordes para incentivar o consumo local nas festas de Nadal. Unha campaña desenvolvida dende hai anos e que en cada edición ve crecer a expectación que suscita entre os habitantes de Ordes e o seu contorno.